AROUSA
Situación: Praia da Concha, Vilagarcía de Arousa, Galicia
Ano: 2020
Tipo: Equipamento / Paisaxe
Programa: Piscinas de mar
Área: 3.000 m²
Imaxe: La piña atelier
Concurso público de piscinas descubertas na praia de A Concha – Compostela en Vilagarcía de Arousa. A historia dunha piscina e a súa paisaxe, unha aproximación á topografía dos viveiros de ameixas.
“Pensar en Vilagarcía en abstracto é conceptualizar a imaxe dunha paisaxe de estacas mergulladas, moreas de area, liñas de pedras no horizonte ao baixar a marea. É pensar nun froito, a ameixa, en terra fértil, nunha paisaxe produtiva. Territorio da memoria, traballado xeración tras xeración. Son estas explotacións agrarias baixomar que a poboación foi labrando na topografía. Unha paisaxe de tradición, cultura e futuro compartido.
É este o enclave das piscinas, a praia de Compostela, unión marítima con Carril.
O proxecto reflexiona sobre a xeometría que modifica a terra polo traballo da muller e do home, sobre a valorización dunha particularidade xeográfica única, sobre unha xestión sostible.
Proponse unha topografía “dunar” que conteña as piscinas, e a rexeneración da praia de Compostela como zona de protección medioambiental. Búscase o mínimo impacto paisaxístico da proposta e a súa reversibilidade: Evítase a escavación do terreo para os vasos concretando o uso de sistemas prefabricados de formigón.
A protección da paisaxe litoral marítimo-terrestre pasa necesariamente por unha actuación mudable no tempo en termos construtivos. Unha recuperación morfolóxica, xeolóxica da paisaxe dunar orixinaria mediante a plantación de flora e especies autóctonas.
A protección ecolóxica da interacción mar-terra, a xestión costeira e a vinculación do equipamento co seu carácter natural mediante o recoñecemento das súas características e topografía en conexión coa praia e a súa actividade. Paisaxe urbana – paisaxe produtiva – paisaxe ecolóxica.