A CASA DOS (micro) PILOTIS
Situación: Miñortos, Porto do Son, Galicia
Ano: 2024
Tipo: Residencial
Programa: Vivenda unifamiliar illada
Área: 120 m²
Equipo: Carolo Losada Soto (estructura), Maderas Rubén (madeira), J. Ubaldo Lopez Leiceaga (Arq. Técnico), Xeotec (Topografía e Xeotecnia)
Premios: Nova Arquitectura Galega, C.O.A.G.
Un cadrado na paisaxe: O encargo particular dunha pequena vivenda de vacacións no campo, no núcleo rural de Miñortos, a dez minutos das praias de Porto do Son.
Unha parcela situada en policía de canles, pola que discorren as augas superficialmente a metro do nivel do chan formando unha braña.
Un estudo xeotécnico que indica un firme a 9m. de profundidade e conclúe imprescindible a micro pilotaxe.
A idea de proxecto parte deste imperativo para enfatizala responsabilidade estrutural dos micropilotes. Concíbense unha estrutura de madeira, en continuación solidaria e directa coa cimentación ancorada ao subsolo, unha lousa de formigón elevada, para protección das crecidas do río e agudizada nos extremos para alixeiralo peso, e unha cuberta con forte inclinación: o exercicio final resólvese xeometricamente en sección.
O ritmo da casa, de planta cadrada, responde á subdivisión xeométrica e transhistórica: “Nine Square Grid House”, o mecanismo xenerativo do famoso sistema de proporcións que levou Palladio ás vilas do campo. A organización espacial a partires de nove puntos de apoio, a simetría e a orde compositiva como forma de colonizala paisaxe: A vivenda ábrese no seu ángulo recto ao ritmo orgánico dos troncos.
Enténdese a orde construtiva como unha superposición de capas tectónicas estruturais que enfatizan os eixos ortogonais dos pórticos marcando o núcleo central de instalacións, explorando a expresividade plástica dos planos de cuberta coa súa extensión nos aleiros.
Co proxecto tentouse abordala procura dunha linguaxe formal xenuinamente propia, galega, reminiscencia dunha arquitectura popular e rural.
Enténdese a nosa tradición arquitectónica na paisaxe como ese xogo de relacións de contrarios entre o plano inclinado, o propio de evacuación da auga, e o vertical, o propio da casa que nos dá acubillo e intimidade, e todas as variacións e gradacións entre estes dous que xeran sub-espazos, espazos intermedios, ambiguos e espazos relativos.