MANIFESTO
ARQUITECTURA: DIALÉCTICA HISTÓRICA
Son inmenso e conteño multitudes
Walt Whitman
A arquitectura coma conversación: un diálogo creador co pasado, co coetáneo, unha conxuntura local e á vez universal, penetrar no “diálogo entre as culturas”, conseguir unha apertura civilizadora, preocupación inevitábel do noso tempo.
A arquitectura como compromiso medioambiental, berro da terra, dende o identitario e desposuído de artificio, unha procura da esencia, do elemental. Unha arquitectura que estude a praxe histórica, na súa necesidade, paradigma do cal naceu a intervención no territorio e labrou a paisaxe, ontoloxía entendida coma apunta Ortega e Gasset, “o ser humano non ten natureza, senón historia”.
A urxencia de facer unha arquitectura que vincule a investigación coa intervención. Campo que manexe o saber construtivo dos oficios tradicionais e da tecnoloxía totalizadora. A arquitectura do hoxe que teza lazos cun pasado que está vivo e un futuro comprometido polas consecuencias irreversibles do creado. O reto deste terceiro milenio é o influír en complexas redes que operan no macro, os límites físicos coñecidos desdibúxanse nas escalas supranacionais da existencia global.
ARQUITECTURA: ANTROPOLOXÍA, ETNOGRAFÍA E DIÁSPORA
A existencia humana é anterior á súa esencia,
Por iso é libre
Jean-Paul Sartre
Facer arquitectura dende un contexto, Galicia. Paisaxe etnográfica arraigada ao territorio pola antropoloxía do traballo. Lugar de conciencia colectiva construída a si mesma pola transmisión dos intanxibles culturais. Sociedade cun sentido inmanente no relacional, en termos de suxeito e materia, que establece a súa presenza e existencia no local.
Poboación que habita en dispersión un territorio e atopa na dispersión a súa vía crucis, a diáspora. Identidade froito dunha conciencia “excéntrica”, que necesita o saír para mirarse a si mesma. Pobo de relación estreita coa natureza, telúrica, introspectiva e íntima. Nación de equilibrio entre o simbolismo e a lenda, entre o misticismo e a poética, pulsión entre a ausencia e a existencia, morriña.
ARQUITECTURA: FENOMENOLOGÍA E HABITÁCULO METAFÍSICO
¿Que outra cousa podería expresar o pintor ou o poeta máis que o seu encontro co mundo?
Merleau-Ponty
A procura dunha arte eterna e moderna. A arquitectura coma espazo existencial, de espiritualidade. A procura dunha arquitectura da liberdade, a creación dun baleiro enchido con movemento. Unha arquitectura como espertar da conciencia, unha xanela, unha porta, que mostren o mundo. É o usuario na súa cotiandade que fai da arquitectura experiencia e experimentación. En palabras de Borges “a historia da casa non é xa máis que a historia das súas metáforas”. Ofrecer beleza, dispoñer do físico, do material, axuda para que o ser humano estúdese a si mesmo, se conceptualice.
A beleza é coñecemento e a arquitectura un acto de amor. O Refuxio no que creamos, receptáculo sensíbel da natureza, dos seus sons e os seus ritmos, igual que a poesía, descende e transcende dela.
Transgredila linguaxe dende a expresividade dos materiais e estruturas, con atrevemento. Non hai avance sen a ciencia do imaxinar, non hai futuro sen o despropósito da vangarda.